Ben
sabido é que toda a arte románica está chea dunha forte dose de
simbolismo e as nosas igrexas non escapan do mesmo. Entre as moitas
interpretacións, que ao longo da Idade Media se deron da morada de Deus
na terra, quedámonos con estas dúas interpretacións (recollidas da
Unidade Didáctica: Arte Románica, da AS.PG):
A igrexa como microcosmos
O microcosmos é a réplica a escala do
macrocosmos, isto é, da totalidade do universo. Por iso a igrexa
románica inclúe a representación figurativa de todos os elementos que
o integran, incluído o pecado e o demo.
O templo como microcosmos ordena os seus
elementos á imaxe humana: tomando como referencia a San Paulo, que
define a Igrexa como Corpo Místico de Cristo, as partes do edificio
reciben, por asociación, os nomes das partes do corpo. Así a ábsida
denomínase cabeza ou testeiro; o transepto, brazos; as naves, corpo; o
altar, corazón e o extremo oposto ao altar, pés.
A igrexa como navío
A igrexa, denominada metaforicamente nave de
San Pedro, asimílase a un barco que navega entre as persecucións e as
adversidades. Así a fachada é a proa e a ábsida a popa; Tertuliano
comparaba o lugar de culto cun barco (en latín navis). Por iso
se denomina nave a cada un dos recintos internos do templo
destinados aos fieis. A barca ou navío transporta os crentes cara á
vida futura, é dicir, cara á salvación.
Esta idea da igrexa como barco tamén procede
da Arca de Noé, que se asocia con templo de Xerusalén. A arca, como a
igrexa pola acción salvadora de Cristo, preserva da morte e da
destrucción. |